Estirei o brazo para coller algo que estaba colgado da galla dun castiñeiro. Ó mellor era un carballo. Por veces confundo os conceptos, as cores, as formas, as ilusións. Quizais porque sempre vou algo por diante (ou bastante) da acción, dos feitos. Ou ó revés, actúo primeiro e despois penso. Mal feito!, sempre me di alguén. Eu, ante isto, aludo á ladaíña de predícame cura, predícame frade... É dicir, que non fago caso ningún. Opto por recoñecer e asimilar os meus propios erros. Cando sucede isto, unhas veces intento corrixilos e, outras, sigo tirando para adiante aínda que me esnafre. O golpe será meu.
É certo, confeso o meu egoísmo porque quero facer eu todo, aguantar eu só todo, quero as mentiras e verdades miñas, os silencios e os berros meus, os latexos e os saloucos meus. Que estean ben ou mal xa é outro cantar. Pero, egoistamente, tamén sei aguantar ou soportar a culpa e sorrir co acerto.
Digo que estirei o brazo para coller o que estaba colgado da galla (que máis ten que sexa de castiñeiro ou carballo, coma se é de amieiro ou piñeiro) e non o alcancei. Estaba moi alto. Tan alto que nin saltando. Só me queda a opción de agatuñar, encarriscar. Antes de facelo, penso en toda esa trapallada que contei para nada, para non realizar a acción. A acción de coller o que está colgado. Finalmente, si o fago, pero logo de discernir sobre ruxerruxes que non viñan a conto. Agatuño pola árbore e collo un sostén, un suxeitador que alguén deixou alí colgado. Como diría aquel: a imaxinación ó poder!
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 8 de maio de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario