Atacar. Todo consiste en atacar.
E non falo nin de fútbol nin de baloncesto. Atacar con balas, con bombas, con
armas, con algo que faga dano, que mate. O caso é que mate. Aínda que sexan
inocentes. Estados Unidos ataca a calquera país porque si, porque se sente
poderoso e porque non quere que lle rosmen. Rusia ataca porque ataca Estados
Unidos. Agora a Unión Europea quere atacar os barcos das mafias en Libia. O das
mafias non está mal, pero, quéirase que non, sempre hai danos colaterais,
mortes inocentes. Para atacar precísase dun despregamento enorme, tanto de
homes como de máquinas, o que supón un gasto impresionante. Non sei canto, pero
meto a man no lume defendendo que con ese gasto os inmigrantes ilegais
deixarían de ser inmigrantes. Se ese gasto o empregasen en postos de traballo
en África, seguro que non habería que atacar ningún barco. Os espectadores,
xogadores e adestradores atacan ós árbitros. Os políticos atácanse uns a
outros; sen armas, pero deixan feridas que as pagamos todos. Máis danos colaterais.
Sinceramente, levamos a maldade dentro. Ataca, animal!
No hay comentarios:
Publicar un comentario