martes, 21 de abril de 2015

O DESAFÍO DO CAN



 
               O can está preso. Cunha cadea. Ladra. O dono tira da cadea. Non quere que o can ladre. Este mira a aquel con carraxe e co pelo do lombo teso. Pero deixa de ladrar. A cadea e curta e tenlle medo ás consecuencias. Hai cans que cos ladridos queren dicir algo, pero tamén hai donos que non deixan dicir nada. Ata un can ten dereito a expresarse. Certo, depende do dono. Non obstante, o can é testán e desafía ó seu amo. Lanza tres ladridos secos, e quixera lanzar algún máis. Pero a puta cadea ténsase de tal maneira que o acaba mancando. Nota que cada vez esta cadea é máis curta. Sabe que non pode seguir ladrando. Pero o que ten dentro quéreo botar fóra, teno que botar fóra. Maldita sociedade de animais! De que animais? O can mete o rabo entre as pernas e senta. Acouga tan só uns minutos. Só un par deles. Quere seguir expresando a súa vida. Mira de esguello ó amo. Ve como este tamén mira cara el. O can intúe a guerra silenciosa entre eles. A proba é que antes de que intente nada, a cadea ponse máis tirante, ata mancalo un chisco máis no pescozo. Emporiso lanza tal ouleo retador que, como non, acaba cun bozo nos fociños. A calar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario