Móvense
as herbas verdes empurradas polo vento do oeste e catro coches pasan veloces
pola estrada que transcorre cara o infinito e máis alá. Xácome Variado Suárez
pensa que o tempo está quieto e que as herbas tan só se moven porque si, porque
o aire e moito aire e porque os coches alguén os puxo aí para que corresen. Por
algo lle chaman O Filósofo. Desde rapaz soltaba cousas que deixaba ó interlocutores
coas bocas abertas. “Ti estás aquí porque viñeches”, dicíalle a calquera… e con
toda a razón do mundo. Xácome Variado Suárez, O Filósofo, ensinaba os dentes
nun grande e longo sorriso logo de deixar caer “as súas filosofías”. Era bo
rapaz. Non se metía con ninguén. Só lía e nas conversas andaba ó seu: “Fuches ó
perruqueiro porque cortaches o pelo”. Mais non contento con isto… “ó mellor
cortaches o pelo porque fuches ó perruqueiro”. O Filósofo cae na conta de que o
estou observando e de que, ó mesmo tempo, escribo. “Ti estás escribindo porque
o teu bolígrafo baila sobre o papel cuadriculado”. E ensíname os dentes co seu
enorme sorriso. Este Filósofo…
No hay comentarios:
Publicar un comentario