viernes, 17 de abril de 2015

SERES HUMANOS NORMAIS E ANORMAIS



Son un ser humano anormal. Son nacionalista e son anormal. Ó mellor, por ser nacionalista, nin tan sequera son un ser humano. Ti es do PSOE e es anormal. Ti es da UPyD e es anormal. Ti es de IU e es anormal. Ti es de Podemos e es anormal. Ti es de calquera outro partido e es anormal. Menos do PP, claro. Ti es do PP e es o celme da conciencia, do bo facer, do bo estar, da boa xestión, do mellor mandar. Rajoy quere o voto dos “seres humanos normais”. Como non o votarei, son anormal, é dicir, parvo profundo. Son un bicho noxento cun soldo de funcionario sen pagas extras que vai ós bancos suízos. Son un bicho repugnante que se arrastra por unha viña para que (a ganancia?) da súa produción vaia para as arcas de Rato e ós garaxes desa camándula de parasitos que nos chuchan o sangue e que, para máis aquel, nos ensinan os dentes para que vexamos, para que saibamos a onde van parar o noso sangue, suor e bágoas. Somos tan anormais que confiamos na detención de Rato e lanzamos ás campás ó voo pensando que, agora si, agora caerán polo seu propio peso. Pero claro, como eles son “seres humanos normais”, non nos caerá esa bicoca; porque o mundo, señores meus, non pode ser gobernado por parvos profundos. Non saberiamos andar polas rateiras. Como somos tan anormais non sabemos o que é un bo coche nun garaxe ou unha caixa B. De caixas só coñecemos as dos zapatos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario