viernes, 24 de abril de 2015

XUSTIZA PARA OS INDEFENSOS




               Outra agresión máis sobre os árbitros. E van?... Hai un días tocoulle ó que arbitrou o partido O Val – Mugardos, onde o adestrador daquel agrediu ó xuíz da contenda, e non chegándolle con este, botouse ademais a un dos seus asistentes. Aí atrás aparecía nos xornais unha enquisa de que á semana realizábanse 36 ofensas contra os árbitros e un era agredido cada 15 días. O das ofensas teñen que ser moitísimas máis. Dicindo pan por pan, aseguro categoricamente que esas 36 ofensas lánzanselle en tan só un partido. Digo ben: en tan só un partido. Imaxinade os partidos que hai, principalmente, durante as fins de semana. Imaxinade os deportes que precisan de árbitros. Porque se intúe, porque o sei, porque o vexo (no fútbol e no baloncesto, que é o que máis vexo e ó que máis asisto) as ofensas caen coma chuzos sobre un (no fútbol) ou dous (no baloncesto), sobre os seus asistentes  e incluso, por ofender, ata ofendemos ós da mesa (en baloncesto) cando tardan en subir unha canastra ó marcador. Somos lobos rabiosos, doentes que lle rillamos na conciencia a un ser humano que intenta facer o que sabe e o que lle deixan, xa que moitos xogadores tan só se dedican a intentar enganalos. E sigo opinando que, segundo se toman medidas drásticas contra a violencia de xénero, por que non se fai o mesmo con eses salvaxes que andan soltos por campos de fútbol e pavillóns deportivos? Por que nin as Federacións nin o Goberno actúan? Onde está a xustiza para eses indefensos?

No hay comentarios:

Publicar un comentario