Doce e sete minutos da xa madrugada do domingo. Aínda que, para un
servidor, segue sendo sábado pola noite. Mentres non me deite será sábado pola
noite. Estou canso. Pero, ante todo, o deber. O deber de ter que escribir o
relato para o luns. Odio as fins de semana!, principalmente os sábados. Póñenme
nervioso aquelas persoas que, nas redes sociais, publican con carantoñas e trapalladas
aquilo de “por fin xa é venres!” ou “empeza a fin de semana!” e despois os luns
volven ás andadas co lado negativo do inicio semanal. Veña xa, home; co bonito
que é ser funcionario! Cafés! Xornais! Compras! Rañando a barriga! Hoxe o café
tomeino ás nove menos cuarto da noite, á mesma hora en que empecei a ler os
xornais, e, claro, ó ler os xornais, non lle puiden prestar atención ó partido
Sevilla-Barcelona. Despois, para máis aquel, ó chegar á casa, máis fútbol. Tocoulle
a quenda ó Celta-Raio Vallecano. Menos mal que aquí descarguei moito desa
angustia que sinto pola fin de semana, grazas ós seis goles que o Celtiña lle
encasquetou ó pobre Raio. Escribo moi tarde, pero o deber é o deber. Aínda que
non podo coa alma, escribo con gusto. Co mesmo gusto co que escoitei a música
polos auriculares mentres traballaba. É a única recompensa que teño na fin de
semana: a música. E algún que outro ratiño de lectura… da casa á finca e da leira
á casa. Odio as fins de semana! Co bonito que é ser funcionario!
No hay comentarios:
Publicar un comentario