miércoles, 22 de abril de 2015

TERAPEUTAS PARA O ESTRÉS



 
               Zumba a cabeza. Pero non vou matar a ninguén. Perdón pola expresión; tan só era un neno, tan só é un neno. Zumba a cabeza. Por culpa das leiras. Por culpa das áreas e hectáreas, dos pastos e dos cultivos, das vacas e das ovellas, do Sixpac e da PAC. Zumba a cabeza porque o ordenador cansa e porque as parolas da xente, aínda que se desexen, esgotan. Zumba a cabeza porque o ordenador, ás veces, moitas veces, falla. E cando falla, desespera. E cando desespera, zumba a cabeza. Porque todo ten un aguante e a idade tamén pesa. Ó final, moi ó final, todo vai ser unha carallada. Pero mentres tanto, ó zunzún da cabeza intentamos non facerlle caso. A ver, a min non me vencen así como así centos de leiras minifundistas! Non conseguiron vencerme, aínda non conseguen vencerme cun sacho nas mans, menos o farán cun bolígrafo. É certo, ás veces, como agora mesmo, preferiría o sacho, a aixada antes que o bolígrafo. Direino sempre: o sacho e a aixada son os mellores terapeutas para vencer ó estrés. Xa cho digo! Quéixanse algo os riles, pero a cabeza queda coma Deus cos golpes que descargas sobre a terra. Zumba a cabeza. O sábado irei á terapia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario