viernes, 10 de abril de 2015

UNS SEGUNDOS PARA O DESASTRE



 
               Teño dous minutos para saltar. O burro desbocouse. Algo o asustou. Quizais unha cobra que remexeu entre as silvas do valado de Antonio, O Sabucedo, na carreira da Lama. O que fose. O caso é que se botou a correr ós catro pés e aquilo xa non había forma de detelo. “Xo, Jeremías, xo”. Nada. Empezaba a albiscar, a divisar alá ó fondo, preto das Pedradarcas, a caldeira que cruzaba cara ós Piuais e as Lagoas. Sabía que o Jeremías non conseguiría saltala. Porque xa o tiñamos intentado outras veces e non houbera maneira. Agora era distinto. Ía desbocado. Non valía tirarlle da corda que lle levaba atada ó pescozo; ó simple pescozo. Se aínda lle arrodease o fociño. Pero nunca foi preciso facelo; o Jeremías era un bo burro, que adoitaba obedecer cunha simple orde ou cun simple tirón de corda. Tres segundos para o desastre. “Tírome para o lado dereito ou para o lado esquerdo; para as silvas do Lucero ou para os toxos de Gervasio?”. De súpeto, o carallo do burro freou de golpe. Axiña me vin voando por enriba das orellas de Jeremías e aterrar cun escandaloso chop! na caldeira que vai dos Piuais ás Lagoas, na vila de Baños de Molgas. O burro, con conciencia, esperou por min.

No hay comentarios:

Publicar un comentario