jueves, 23 de abril de 2015

O FOL DUNHA MOSCA



 
               Uuiii, empeza a facer demasiado aire. Ó lonxe xa se ven os lóstregos. Ó mellor non tarda en caer a treboada. Ó mellor non descarga por aquí. A treboada vai por onde lle peta. Ou por onde a leve o vento. Vai ti saber; igual anda alguén por aí soprando. Ó mellor igual é o fol dunha mosca. Ós nenos, cando trona, dicímoslles que anda Deus a patadas co demo. Dicimos cada cousa. E dicímosllas ós nenos, coma se foran inocentes. Ás veces somos parvos de máis. Pensamos que un neno cae na trampa así como así. “Como van andar a patadas se non se suxeitan no aire”. “Polo aire só anda o Supermán”. Si oh, calquera engana a un neno. Volvamos á realidade; o aire semella que calmou. Tamén se di que logo do aire chega a auga. Vai ti saber; ó mellor todo sigue dependendo do fol dunha mosca ou das ás das bolboretas. Non entendo nada de nada. É igual. Chégame con oír os tronos e ver os alustros. Os tronos gústanme, os alustros xa non tanto; impoñen respecto... pola carga que levan consigo. A miña nai ría a gargalladas cando oía tronar. É que a miña nai era moi festeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario