lunes, 27 de abril de 2015

O XERGÓN DA ESPERANZA


 
               Déitate na almofada dos soños e pensa que o ourizo cacheiro pica pero non mata. Déitate no ruxerruxe dunhas sabas de flanela e xa verás cómo o pombo encrista á rula detrás dunha silveira. Non todos os ollos das curuxas están abertos. Algúns mouchos viven a vida dos soños, daqueles de irás e non volverás ou daqueles que nunca se converterán en realidade. Sempre é máis fácil soñar co verme luceiro da aurora que coa rañadura dun desconsolo. Déitate na sinxeleza dun lóstrego, dun alustre para que a treboada marque o ritmo ou as liñas de todas as rectas sen infinito. Hai miradas que van moito máis alá. Cando o escambrón che araña a roupa notas como o veleno dos tempos navega polo teu sangue amorfo. Sempre houbo nugalláns e moito máis que nugalláns. Os houbo que traballaron leiras sen sachos e escribiron libros sen tinta. Ás veces o pensamento é suficiente para querer facer e non levar nada a cabo. Déitate no xergón da esperanza e verás que todo ten o seu aquel. E vivirás baixo a batuta dos soños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario