jueves, 9 de abril de 2015

CAGAR O DEMO NO CAMIÑO



 
               Ó rapaz que facía castelos na area cagoulle o demo no camiño porque tales castelos esborrallaron coma fariña moída. O rapaz ó que lle cagou o demo no camiño chámase Abelardo Derivado Cabestro, pero moi pouquiños saben que se chama Abelardo porque todos lle chaman O Adoecido. E ninguén sabe por que. Porque O Adoecido non se queixa nunca, aínda que lle batan na alma con toda a mala saña. Certo que é complicado que lle batan, pois O Adoecido mide case dous metros e pasará xa dos cen quilos. E aínda non é adulto. Tamén xa non é tan rapaz como para estar facendo castelos na area, mais si o é o seu irmán pequeno que acaba de chegar xusto á súa beira. Tampouco ninguén sabe que Bartolomeu se chama Bartolomeu, porque só o coñecen por O Parraguesa. Neste caso si saben todos o motivo de tal alcume; resulta que o cativo tiña e ten sempre na boca o dito ese de “parraguesa, pon a mesa”, desde que vira por primeira vez a ese insecto ou bicho. Para O Parraguesa todos eran bichos. Agora, os dous xuntos, intentaron de novo levantar un castelo de area, pero unha vez máis cagoulle o demo no camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario