jueves, 30 de abril de 2015

SEGUIREMOS TROPEZANDO




               Aínda que nos cataloguemos como boas persoas, que, a maioría, penso que o somos, tamén é certo que a maldade asoma por calquera mexericada, polo que se chega á conclusión de que somos malos por natureza. Criticamos a eito e, o que é peor, somos malos criticadores. Sempre nos queixamos das famosas cuadrillas que forman os que mandan nos concellos cando están a piques de celebrarse unhas eleccións, e non caemos na conta de que os criticadores tropezan na mesma pedra, e non por contratar a moreas a xente que faga vulto para tal ou cal mester. Son os propios políticos ou a propia xente dos partidos políticos os que se xuntan en cuadrillas para percorrer os concellos na procura dos votos. Que diferenza hai entre as dúas cuadrillas, a dos obreiros e a dos políticos? Tanto a unha como a outra tan só se deixan ver en períodos electorais. Se nos rimos daqueles seis ou sete (ou máis) que están para facer tan só un buraco, por exemplo, por que non nos rimos deses catro ou cinco (ou máis) que andan de porta en porta para a mesma obra: a poltrona da alcaldía. É igual; seguiremos tropezando, é dicir, seguiremos criticando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario