Deixa que o suspiro caia coma un
lóstrego de esperanza no firmamento e que un lobo oulee por entre os codesos do
monte Medo. A esperanza chega cando pensas que todo está perdido. O ouleo sae
cando o luscofusco asoma polo outeiro da chaira de Pinouzos. Non todo chega con
pensalo; ás veces tes que escribilo e seguir esperando. E cando chega sabes que
o asubío non caeu en saco roto; por iso lle buscas un recantiño á memoria para
que alí acouguen os lóstregos da harmonía e do bo facer. Deixa que o silencio
se deite, a modiño, entre as sabas brancas do ruído. Non hai mellor harmonía
que aquela na que a realidade chega, espera e asenta sobre os soños soñados,
sobre os versos rimados. Non todo chega con escribilo; ás veces cun simple
vivir alcanzas a esperanza solicitada, o latexo do instante, a alma do poema. Cada
quen que goberne a súa vida e que cada átomo da inocencia bule por entre as
nubes dunha infancia que nunca marcha. Queremos vivir entre o resplandor da lúa
chea e acabamos saloucando en cuarto minguante. Cun simple vivir, vives sen
medo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario