martes, 10 de abril de 2018

CATRO SUSPIROS E VOLTA PARA ACÁ

Xa está. Agora si que é certo que atopei o camiño. O camiño das estrelas. Sabedes da miña paixón por viaxar polo universo, aínda que sexa na cola dun cometa ou no corno da lúa minguante. Sempre quixen ir ata o infinito e máis alá. Pois calquera día vou incluso moito, pero moito máis alá.
Por en canto, empezo a preparar catro cousiñas de nada (total, co pouquiño que peso e flotando por esas atmosferas, sei seguro que me sentirei lixeiro e non precisarei moita cousa), digo que preparo catro cousiñas e collo camiño da estrela que acaba de descubrir o telescopio espacial Hubble, que seica é a máis afastada xamais vista. Ná, á volta esquina, a uns 9.000 millóns de anos luz. Que é iso para a miña imaxinación! Case me dan ganas de coller unha pértega e choutar de planeta en planeta. Ata penso que acortaría o tempo de chegada. A 9.000 millóns de anos luz, algo así como catro suspiros e volta para acá. A estrela chámase Ícaro e é de cor azul. Cando chegue eu alá ó mellor xa cambiou de cor. Vai ti saber! Por aí as atmosferas son como son. Poden estar moi cargadas ou moi limpas. En principio, mañá emprendo o camiño. Marcho alá porque teño que marchar.

Finca Fierro. Martes, 10 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario