O mundo está perdido! Está cheo de
trampas. Está cheo de guerras. Está cheo de pamemiños manipulados
polos que fan trampas e polos que ordenan guerras. Agora que xa
levamos uns quince días falando unha e outra vez do máster de
Cristina Cifuentes, empezan a saír á luz doutorados, licenciaturas
e currículos falsos. E os que aínda non se descubriron, os que
aínda non sabemos. Somos tramposos, mentiráns por natureza. Por
certo, sobre o esperpento da Cifuentes non entendo á oposición: se
tan claro está o asunto (penso que está máis que claro), por que
non lle arman, pero xa!, unha moción de censura? Que pasa, que
intereses hai por aí, que buscan? Outro por certo, a Universidade
esa que se dea xa por finiquitada. Porque dentro dela tamén ten que
haber moito tramposo para outorgar un máster que non se merece, digo
que non se fixo.
O mundo está perdido! Está cheo de
guerras. E para parar esas guerras, Estados Unidos, Reino Unido e
Francia arman outra pola súa conta. Ataque, contraataque. Ou, a
mellor defensa é un bo ataque. O caso é lanzar bombas ou mísiles e
que caia quen caia, é dicir, o inocente.
O mundo está perdido! E os pamemiños
de a pé séntense manipulados polos que teñen o poder... e fan
trampas. Porque as grandes compañías -do que sexa- teñen o poder e
manipulan cara ós seus intereses. O 50% dos fogares galegos teñen
moitas dificultades a finais de mes. E aínda así alguén quere
subir o gasóleo e o gas. Imaxino que será para que ese 50% suba ata
o 70 ou o 75%. Máis ou menos. Que máis dá un fogar máis ou menos
na categoría de pobre. A Xunta de Galicia cruzarase de brazos e
cando alguén lle pida responsabilidades axiña achacarán que “a
cousa”, “o asunto” xa viña de atrás.
O mundo está perdido! E os pamemiños
de a pé miraremos para outro lado porque, quen non fai trampas
algunha vez na vida?, quen non falsea algo con tal de acadar o que se
persegue? O caso é chegar ó cume! Deixemos que se funda todo!
Finca Fierro. Sábado, 14 de abril de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario