domingo, 29 de abril de 2018

MALA SORTE PARA MERCEDES!

En todos as partes cocen fabas. Ata no meu Baños de Molgas querido. No ano 1910 debiamos ser de armas tomar. Porque alá polo mes de xullo o alcalde da localidade seica lle solicitou por escrito ó ministro da Gobernación a creación dun posto da Garda Civil, para poder atender e garantir a orde en todo o concello, a maiores dos demais servizos propios do Instituto. Pero o alcalde non as debía ter todas consigo, é dicir, que non lle deberon facer moito caso. Mal feito!
Se houbese o “cuartelillo”, ó mellor non habería roubos nin outras falcatruadas pola contorna. E non habendo posto da Garda Civil, xusto un ano máis tarde, tivo que ser a de Maceda a que detivese a Mercedes Conde Carballo, de 21 anos, solteira, natural e veciña de Baños de Molgas, que lle roubou cincocentas pesetas (cincocentas pesetas no ano 1911!) a un portugués chamado José Peixoto, o cal se atopaba tomando os baños no gran balneario da vila molguesa. Sabemos que a tal Mercedes puxérona á disposición do xulgado, pero dos cartos ninguén soubo ou polo menos ninguén deu razón. Se Mercedes Conde tivese a presión dun cuartel á súa beira, ó mellor pensaba o seu acto doutra maneira. Pero Gobernación non quixo saber nada un ano antes. Mala sorte para Mercedes!

Finca Fierro. Domingo, 29 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario