lunes, 23 de abril de 2018

NON GARDAR A MEXA

Daba igual un que o outro, o home que a muller. Os dous non gardaban a mexa nin a tiros. Xa tiñan a fama de que contaban todo. Gabina Lacia Vilamelle latricaba todo na burga mentres lavaba a roupa sucia do seu home. Este, Quintiliano Pacífico Pantón, esbardallaba nos bares da vila, en todos os bares.
Gabina Lacia procedía de boa familia, pero tivo a mala sorte de xuntarse con Quintiliano Pacífico nunha feira do día 11. Aquel día miráronse ós ollos e aí empezou todo. Ela era dunha aldea pequena, moi preto da vila de Quintiliano, pero axiña pasou a vivir con el no barrio dos pobres. El era pobre. O amor ás veces non sabe de cartos, e se sabe non atina dos billetes. Gabina condenouse, e non só porque se volvese pobre (que se volveu), senón polas laretadas que saían da súa boca. Cando lle dicían que non gardaba a mexa, ela contestaba cun sorriso insolente de que todo se pegaba. E referíase ó seu home, claro, porque ela sabía de sempre que Quintiliano Pacífico non tiña precisamente nada de pacífico, lingüisticamente falando. Falaba mal e era indiscreto ata máis non poder. A xente xa o dicía: Deus críaos e eles, claro, xúntanse. E non gardan a mexa.

Finca Fierro. Luns, 23 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario