domingo, 8 de abril de 2018

HOMICIDIO NA FOLLATEIRA

Antigamente, ir ás feiras tiña o seu aquel. Hoxe vas en coche ou autobús e todo resolto. Pero, por exemplo, no ano 1911, ían andando e volvían tamén andando e ás tantas. E o perigo asexaba en cada recanto dos camiños e por detrás dos grandes carballos e dos gordos castiñeiros. Como o que lle aconteceu o 20 de marzo dese 1911 a Servando Feijóo, un mozo de 20 anos e veciño de Sanguñedo; que volvendo da feira de Maceda, entre as sete e as dez da noite, na compaña duns amigos e no lugar denominado A Follateira, na parroquia de Almoite, en Baños de Molgas, sorprendeuno a morte por culpa dunha arma cortante que alguén lle espetou na rexión abdominal.
Ó presunto autor, ós catro días (cando un xornal galego deu a noticia do homicidio), aínda non o atoparan. Segundo os rumores, as culpas caían sobre algún dos mozos que acompañaban a Servando. Penso que son uns rumores ben fundados. O nome do lugar do asasinato xa practicamente o di todo: zona chea de carballeiras que, a esas horas, no mes de marzo, en inverno, impón moito respecto, é dicir, causa medo. Principalmente porque antigamente había máis lobos que hai hoxe. Pero todos sabemos que o animal máis lobo de todos, o máis depredador é o propio home. A proba estivo no pobre veciño de Sanguñedo. Un rapaz aínda.

Finca Fierro. Domingo, 8 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario