Cifuentes. A “manada”. Liga de
Campións. Iniesta. A semana pasada deu algo de todo. Predominou o
malo. Porque o malo foi moi forte.
Cifuentes. Logo dun mes ou máis
dálle que dálle sobre o máster, vai e dimite por un simple furto.
Ui que mal cheira isto. Non hai que ser moi listos para saber que
houbo mans negras por detrás. E líbreme Deus de defender á
señorita! Pero como se adoita dicir, fixéronlle a cama. Os seus.
Que a oposición moito baduar e así levaban un mes ou máis sen
actuar. Agora dimitiu por unha mangada do ano 2011. Coma se tiveran
que buscar de cando era nena. Que o facían, vaia se o facían.
A “manada”. A ver se temos un
chisquiño máis de coidado na procura dos nomes. Xa quixeran eses
malnacidos honrar tal substantivo, tal especie. Xeralmente, no noso
país, entendemos por manda a dos lobos. Veña home, comparar a esas
bestas, a eses bichos cos lobos é darlle moita pompa, é poñelos
polas nubes. É que nin os xuíces son merecentes do nome de
“manada”. Que non sei por que nos estrañamos da sentenza, vendo
a xustiza que hai en España, vendo os xuíces que temos. Por certo,
a estes si que lles debería tamén investigar algo sobre os másters,
títulos e merecementos. É que hai algún...
Liga de Campións. Xa sei que hai un
español que, seguro, chega á final. Pero a semana pasada deixounos
o partido Liverpool-Roma que nin punto de comparación co
Bayern-Madrid. O fútbol inglés segue a ser o fútbol inglés. E con
goles. Como gocei dese encontro. Do outro gozou o meu fillo, que
tamén ben lle cómpre.
Andrés Iniesta. Palabras maiores. E
agora veñen os atoallados de France Football
pedíndolle perdón porque nunca lle deron o Balón de Ouro. Nin
falta que fai; sería degradar
ó xogador, que todos sabemos como vai isto dos grandes premios,
sexan do que sexan. Inocentes! A nós chéganos con velo xogar e
punto. Nun café oínlle a un fervente
seareiro do Madrid o
seguinte: “eu vendía o Bernabéu e fichaba a Iniesta”. E oínllo
cando Iniesta empezaba. Creo que xa expliquei todo.
Finca
Fierro. Venres, 27 de abril de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario