jueves, 26 de abril de 2018

FIGURAS RETÓRICAS

Súo buscando metáforas que reflictan o que non me deixan dicir. E parto a alma dando voltas para disimular un sentimento. Teño que arrodear polas realidades que están aí e simular que todo é ficción, que todo é mentira. Pero non é mentira. Nada é mentira do que digo.
Así é que non queda outra que dicir polo baixiño que si, aínda que sexa que non. Ou viceversa, claro. E menos mal que os pensamentos son libres e que as metáforas ás veces son malas de entender. Pero eu si que as entendo. Sufro buscando unha elipse para que ninguén vexa a sombra na frase. Porque hai frases que teñen sombra e hai sombras que son máis claras que as propias liñas escritas. Ou faladas. Iso si, intento buscar epítetos para que a cousa quede máis clariña. E por moita retranca que use, a verdade queda sempre flotando no aire. A realidade é a que é. Ás veces intento usar algún símil, pero tendo sempre presente que o orixinal non é a fotocopia. Quéixome dos atrancos cariñosos que se me poñen, pero, arre demo, son atrancos. Así é que non queda outra que volver ás metáforas, ós disimulos, ás comparacións para que non se me censure. Porque non me deixan dicir o que realmente quero dicir.

Finca Fierro. Xoves, 26 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario