domingo, 22 de abril de 2018

QUERO CRUZAR O MAR

Quero contemplar o mar e deixar que o ruído das ondas me levE polo silencio dun sentimento. Quero cruzar o mar. E marchar alá. Desde a costa vexo a eternidade dunha melancolía que atravesa a néboa dos soños. E van estes buscando o niño da rula para que un chiscar de ollo se acomode nos versos de todo un poema. Quero navegar por entre o bambán das follas de amieiro e pousar definitivamente na copa dun plataneiro.
Quero cruzar o mar. E quero que vaia á miña beira Lou Reed para camiñar polo lado salvaxe das ondas mariñas. Quero asubiar desde calquera lugar xibraltareño para que un par de gaivotas me leven ata o infinito e máis alá. Quero cruzar o mar no alto dunha nube branca e sentindo as pingas de orballo caendo sobre a plataforma dunha ilusión. Sempre hai viaxes que levan os alentos nos espíritos dunha paixón. E en cada vaivén das ondas hai un parágrafo escrito no que os sentimentos aboian por entre a sintaxe dun sorriso e o significado dunha palpitación. Quero cruzar o mar. Quero que o ruído das ondas se volva silencio na miña obra. Esa obra escrita, soñada e, algún día, lida. Quero cruzar o mar.

Finca Fierro. Sábado, 21 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario