lunes, 9 de abril de 2018

COMO UNHA APÓUTEGA EN FLOR

Di Fernando Fernán-Gómez que as bicicletas son para o verán. E eu digo que os sapoconchos son para andar pola Porfía con tanta parsimonia que chegan incluso a cansar. A cansar nós de velos, non eles de andar. Os sapoconchos andan coa súa pachorra ás costas. Ás costas e nas patas.
Di a estrela fugaz que vén do máis alá a unha velocidade tal que só tes un suspiro para seguila. Pero ás veces chega un suspiro para deixar, na memoria, todo un libro escrito. Ou unha película rodada. Di Joaquín Sabina que lle sobran os motivos. E eu digo que me falta afouteza, que me falta audacia para marchar para Portugal. Quero marchar para Portugal! Ou para a estrela solar máis afastada. Cada un desexa o que lle convén, e xa está. Non me sobra ningún motivo, e por iso aperto as entrañas para que os latexos non se me boten fóra do peito. Teño medo que o meu corazón choute de baldosa en baldosa `para acabar rodando polas escaleiras. Semella unha esaxeración, pero moito coidadiño con eses saloucos que están preñados de sensibilidade. A ver!, enténdese que son sensible. Sensible como unha vara de vimbio ou como unha apóutega en flor.

Finca Fierro. Luns, 9 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario