Semella
un contrasentido, un
desatino
pero é certo que a froita madura ten un certo sabor amargo. Polo
menos é o que afirma o escritor F. J. Neira Pampín e que explica o
periodista Xulio Xiz argumentando que cando a froita cae da árbore
ten unha caducidade case inmediata.
E
as cousas caducas amargan, repelen,
desgustan.
Máis ou menos o que lle pasa á propia vida, ó propio ser humano,
ou sexa, ó protagonista da novela “El sabor amargo de la fruta
madura”, que vai pasar os derradeiros momentos da súa vida a unha
residencia da terceira idade, logo de ser un profesional que o
conseguira todo.
Esta
novela presentouse o pasado 19 de decembro, ás sete e media da
tarde, na libraría Eixo da nosa capital. Xunto
ó autor sentouse Xulio Xiz, un señor ó que tiña enormes ganas de
coñecer porque levo anos mandándolle escritos para que os publique
en Galicia Digital, unha plataforma informática sobre Galicia na
Internet e que cofundou el mesmo, e que me causou unha enorme
sorpresa o velo, xa que non contaba con atopalo na citada
presentación (recoñezo que nin tan sequera lera ben o anuncio do
acontecemento na libraría).
Foi
precisamente Xulio Xiz o que tomou a primeira palabra, o que
presentou a novela e ó autor. Desde o primeiro momento puiden
apreciar o cariño que lle dispensaba a este. E
non tardou en gabar a obra como unha novela coas páxinas cheas de
humanidade e de sorpresas, de creatividade e experiencias. Novela
fonda, apaixonante,
na que o principal papel, a maiores do propio protagonista, está no
mundo da medicina. Nela
a
vida ten amargor en determinadas etapas, pero hai que afrontala
estoicamente.
Cando
tomou a palabra o autor Neira Pampín, este confesou que quixo
sensibilizar ó lector do que é a vida en si, do que son eses
momentos nos que o ser humano sabe que lle está poñendo o punto
final a todo un percorrido, ó seu propio percorrido. E amosa coma
ninguén as miserias da xente maior. O autor sabe moi ben delas
porque, ó ser médico, urólogo, en concreto, trata a centos de
persoas que,
queiras que non, sempre rematan contándoche as súas miserias. Algo
que sei por experiencia, pois a pesar de ser un simple funcionario,
os gandeiros (ben sabemos que a nosa agricultura está chea de xente
maior) chega un momento no que me abren o peito e pousan sobre a miña
mesa os seus corazóns que latexan todos os anos vividos.
Pouco a pouco, cando xa debullou
suficientemente a obra que presentaba, Neira Pampín abriuse tamén
coma un libro para falar da súa vida e da súa profesión. Di que
escribe porque o pasa ben, aínda que se digo que para iso se levanta
cedo, ás sete da mañá, case é normal que pensemos que é máis un
sacrificio que unha paixón. Mais imaxino que a súa profesión na
medicina non lle deixará moita marxe libre. Tampouco lle importa
confesar que a súa literatura tira máis cara ó sentimentalismo,
cara á soidade. Influenciado quizais por esa xente maior? Quen non
sente compaixón polos vellos e pola súa soidade?
Este
comunicador especial empezou, coma moitos, coa poesía, pero que non
quere publicala porque “a poesía é a celme,
a substancia, o clímax
da alma”. É certo que hai sentimentos que é mellor gardalos.
Nótase que vive con paixón todo, xa
que
confesa que lle custa moito deixar ós personaxes de lado, ata o
punto de que pelexa con eles, sofre con eles e
vive con eles (tamén
sei o que é iso).
Non obstante, axiña lle atopa a solución a ese apego dos
personaxes: iniciar unha nova novela canto antes. Claro que, e digo
eu, ó momento xa se lle pegarán á pel os novos que crea. Ai, o
mundo da inventiva, dos soños!
Francisco
Javier Neira Pampín naceu o 21 de agosto de 1953 na cidade de
Santiago de Compostela e é o máis pequeno de tres irmáns. Estudou
bacharelato en Santiago, fixo medicina en Santiago e especializouse
en uroloxía e androloxía no Hospital Xeral de Galicia. Pero ós 27
anos opositou a unha
cota
da súa especialidade na cidade de Lugo e alá se quedou. Durante
a súa carreira publicou numerosos artigos, deu conferencias e
charlas e asistiu a infinidade de eventos urolóxicos tanto no noso
país coma fóra del.
No
ano 2013 publica a novela negra “El Quijote de madera”, que
desenvolveu pola Compostela da súa nenez para manipular unha
historia de amores e traxedias, de grandezas e humildades. Tres
anos máis tarde viu a luz a novela causante desta reportaxe, que vos
aseguro que non deixará indiferente a ninguén, porque a vida nas
residencias de anciáns deixa momentos profundos e amargos
sentimentos. Moi
bonito libro.
Francisco
Javier Neira Pampín, un home que logo de longas xornadas intensas de
consultas e de quirófano, sempre atopa tempo para a arte. Para
a arte que non é só literatura, xa que
Neira Pampín tamén
manifesta a
súa paixón artística
en forma de música (gústalle tocar o piano) e de pintura.
Café
O Chicote da Valenzá. Venres, 23 de marzo de 2018
Publicado
en La
Región
o sábado, 21 de abril de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario