miércoles, 4 de abril de 2018

MEDIR A OLLO

Ben. Xa estamos aquí. Se estamos aquí é porque non estamos alá. Se o asubío do tempo penetra polo hemisferio sur é porque o barullo do momento ten que pasar á forza polo hemisferio norte. Non hai volta de folla. E non nos chamemos a engano; cando o río soa é porque auga leva. Se non levara auga, estaría seco. Por certo, hoxe, hoxe mesmo, levan todos moita auga, demasiada auga. Pero é a lei dos tempos: estamos no abril e xa sabemos, todos sabemos que en abril, augas mil. Cando chove, claro. Hai abriles nos que non chove moito. Algo ó mellor sempre chove. Ó mellor.
Tampouco hai distancia entre o aquí e o alá, sinxelamente porque non a mides. Se a mediras, aínda que fose a ollo, habería que cambiar o ditado da anterior frase. Por certo, as medidas a ollo son as mellores. Oe!, non sei como facemos, pero cando medimos a ollo... cravadiño, machiño, xustiño! Somos uns heroes medindo a ollo. Se mido (a ollo, claro) o tempo que vai entre o asubío aquel das primeiras frases e o barullo, tamén das primeiras frases, sei que é algo así coma un suspiro. E un suspiro xa sabemos, todos sabemos que é pois como un amén, como un alustro. E xa está.

Finca Fierro. Mércores, 4 de abril de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario