viernes, 22 de agosto de 2014

AI A INFANCIA!


               Sento na cadeira. Penso no inferno. Por que non? Por que hai que pensar en cousas boas se a maioría dos mortais estamos no limbo? Vexo pasar un coche e digo “aí vai un coche”. Porque ás veces vexo ben e tamén sei pensar. Zumba o aire e as follas dos plataneiros bambean. O aire, se se pon, fai e desfai á súa maneira. Pouquiñas cousas hai que se lle resistan. Raño a cabeza porque me pica e mordo unha uña porque non sei cómo regar a herba do parque. É verdade!, con pingas de auga! Xa sabía eu que ás veces sei pensar. Quito os anteollos e refrego os ollos. Ai, quen puidera unha sestiña! Un home senta diante miña. Ten o pelo moi curto. Cruza os pés por debaixo da cadeira. Unha moza aparca e cruza a rúa e o pequeno parque. Tamén senta nunha cadeira e, faltaría máis, manipula no móbil. Hoxe non somos ninguén sen os móbiles. Co bonito que era antes: lanzabamos un berro desde o alto da Chaira e oíase máis alá da Regueira das Perdices. Agora si acabo de pensar en cousas boas. Na infancia. Ai a infancia!

No hay comentarios:

Publicar un comentario