lunes, 4 de agosto de 2014

RÉQUIEM POLOS SUFRIDORES


               Quen puidera bailar cos Tamara unha noite na eira do trigo. Pero bailo detrás dunha aixada na leira do Codesiño. Así é a vida. Uns bailan de verdade un rock and roll e outros fano arredor dunha toxeira para buscar o mellor sitio polo que meter o fouciño. Quen puidera bailar un valse de Johann Strauss. Pero bailo ante a dor duns cadrís, cansos de estar dobregados ante a miseria dunha vida pobre e arrastrada. Así é o calvario. Así é a impotencia. Uns pegan brincos de contentos e outros choutan dun rego a un carro de toxos ou dunha gadaña a un aradiño de pau. E volven as escuras andoriñas porque o tempo pasa e todo cambia, soamente ti, recordo, te eternizas. Bailemos todos xuntos un réquiem polos sufridores da esperanza que nunca acaba. Aínda que hai esperanzas brancas cheas de zonas escuras. A propia vida, hoxe en día, é unha zona escura. Ou unha zona morta. Ou unha zona baleira. Ou unha néboa espesa. Ás veces custa moito mirar máis alá da negrura. Pero se insistimos atoparemos a claridade da esperanza.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 31 de xullo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario