jueves, 7 de agosto de 2014

DEUS NON ESCRIBE


               Silencio na mañá cedo. Tan só o tictac do reloxo ou o zunzún do ordenador son quen de aclarar que o tempo avanza e a vida sigue. Se non fora por eles case se podía dicir que a nada flota na nada. Na nada non hai nada. Nin tan sequera hai unha néboa espesa, nin un silencio xordo, nin unha negrura na noite. Calquera busca algo por entre a nada! Sería unha perda de tempo. Aínda que sei que hai xente á que non lle importa perder o tempo. E buscan o que saben que non van atopar, pero buscan. E falan o que saben que ninguén lles vai oír, pero falan. Como din eles: o caso é dicir algo. Aínda que sexa inconexo, incomprensible. Adoitan facer o mesmo que moitos presuntos escritores; que escriben o que ninguén entende. Ata creo que nin eles mesmos entenden o que escriben. Non sei, pero dígoo case por experiencia. De todas formas seguen para adiante e pensan aquilo de “que sexa o que Deus queira”. Pero como Deus non escribe, teñen que ser eles os que completen o parágrafo, o texto, o relato. E pasa o que pasa. Silencio na mañá cedo.

 

               Maceda. Xoves, 7 de agosto de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario