jueves, 21 de agosto de 2014

DESPOIS DA TEMPESTADE...


               Déixate levar polo ruxerruxe dun suspiro e os tics nerviosos da esperanza volverán ser donos da felicidade completa. Veña, anímate, bótalle a perna por enriba e acouga na espera da súa reacción. Silencio na tarde. O tempo pasa a modiño e os pensamentos tamén flúen con calma. Non hai rexeitamento. Non hai movementos bruscos. Tan só o axóuxere dos suspiros flota na ansiedade romántica, logo duns días de treboada. Despois da tempestade chega a calma.

               Déixate levar polo amor que sentes e plántalle catro bicos neses beizos que se abren pouco a pouco ante o ímpeto da ansiedade. Sorrille. Aloumíñaa. E que as caricias suavicen a súa pel coma unha pinga de orballo nunha mañá fresca. O tempo detén os lóstregos e deixa asomar polo horizonte uns raios que se reflicten nas meniñas dos seus ollos, nas meniñas dos teus ollos. Hai amores que se enchoupan de felicidade para secar, agora, ó sol con catro raios de nostalxia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario