Xa
pode rebentar o mundo politicamente falando, que non penso escribir hoxe sobre
corruptos. Xa poden estoupar os pavillóns deportivamente falando, que non penso
escribir sobre a mundial de baloncesto. Hoxe toca o gran evento, o gran
acontecemento que se iniciou o pasado sábado no concello de Baños de Molgas, as
Novenas dos Milagros. Poida que para moitos lectores deste xornal o de gran
acontecemento lles resulta demasiado grande, demasiado pomposo. Pero para os
que somos da contorna de Molgas aínda é algo máis que gran acontecemento, é
algo que case non ten nome, ou se o ten chega con dicir: as Novenas, a secas.
Con dicir as Novenas chega para que un sentimento (aínda que non se sexa católico
ou relixioso) se instale na ansiedade desa persoa que está desexando que chegue
o día 30 de agosto. E así ano tras ano. Para uns, dicir Novenas é dicir Rosario
das Antorchas o día 7 pola noite. Para outros, é dicir o día 8 (tamén así de
simple: día 8, e non día da Virxe, ou día grande, etc.). Para uns cantos máis,
é dicir as ceas nos toldos ou o xantar do día 8 por entre os piñeiros. Mais
para a gran maioría da xente da comarca, dicir as Novenas é soñar co desexo
duns días nos que a vida nos cambia un chisco ou un moito pola devoción a un
lugar, a un santuario, a unha Virxe, a un acontecemento que vai máis alá do
propio substantivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario