lunes, 18 de agosto de 2014

RIR PARA NON CHORAR


               Case todos os deputados ourensáns do Partido Popular ganan máis que no 2011. Así de rápido e de sinxelo o lin nun xornal hai uns días. E para moitos lectores, isto será algo normal. A ver!, en tres anos, mira ti, todo o que sobe a vida… e tamén nos subiu o traballo. Enténdese que se soben os soldos deberían de subir tamén os quefaceres, as tarefas das súas señorías, ou sexa, as manipulacións nos móbiles, as cabezadas nos escanos, os insultos nas cámaras, o rodete que meten nas decisións. Ganan máis que no 2011. A partir de aí (incluso moito máis antes), ós funcionarios nos conxelaron o soldo e, para máis aquel, nolo baixaron. Certo, tamén é verdade: tomamos máis cafés, lemos moitos máis periódicos, polo que nos fai falta máis tempo para tomalos e para lelos, a maiores de que ós periódicos, como non lles afectou a crise, aumentaron as súas páxinas, o seu contido. Pero alguén pensou porque tal ou cal deputado toma certas medidas? Non sería porque detrás desas decisións hai uns traballos de campo ou prácticos que realizaron uns funcionarios ou uns encargados de a pé? A maioría das veces as súas señorías tan só poñen a cara, e por iso aumentan o seu soldo porque nas súas frontes non lles colle tanto suor. Rir para non chorar. Rin eles, choramos os demais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario