Sol. Nubes. Nubes brancas. Coma
se foran de algodón, pero non son de algodón. Son de cristais de neve, de
pingas de auga. Unha nena que baixa pola beirarrúa cuns apuntes na man. Unhas
palabras en castelán que se oen na distancia. Cada vez máis castelán nesta
terra galega. Cada vez máis palabras inglesas nesta terra galega e neste país
español. Disto non se queixan para nada os de Galicia Bilingüe. Normal; xa
teñen o seu bilingüismo: castelán e inglés. Unha neniña que empeza a berrar e
que solta as súas primeiras palabras. Tamén en castelán, claro. A súa nai,
aínda moza, fálalle en castelán. Home claro! A ver se vai pensar que penso eu
que é de pobo. En algúns casos, a categoría demóstrase falando. E non é o mesmo
falar en galego que facelo en castelán. Vaiche boa! O castelán seica enxalza. O
galego, como non, atrasa. Algunha nube negra. Pero sigue o sol. E sigue a
alteración nas miñas entrañas. Porque o castelán (cun acento galego que tumba)
méteseme no cerebelo. En galego, please! Non hai maneira!
No hay comentarios:
Publicar un comentario