martes, 26 de agosto de 2014

FACER O MONO


               Ás catro e cinco da tarde non é unha boa hora para andar baixo o sol en pleno verán. Pero os hai que andan. Uns lendo, outros correndo, algúns paseando e algún que outro incluso pintando o mono. Somos moi amigos de facer o mono. E o caso é que o facemos sabendo que facemos o mono. Non nos importa realizar accións ridículas ou presumir de actitudes estúpidas. Por exemplo, hai políticos que soltan discursos con tal convicción para conquistar á xente que desde as primeiras palabras que cospen pola súa boca sabemos xa que están mentindo descaradamente. Pero eles, nada, seguen ó seu e ata axitan os brazos para darlle máis forza, máis ímpeto ás súas verbas. “Nótase que senten o que digo”, pensa que pensamos. Pero o que realmente estamos pensando é que actúa peor ca un mono. Por exemplo, hai xente que se inmisce en todas as conversacións para que pensemos que están ó día, para que lle demos altura á súa bagaxe intelectual. Mais xa na primeira frase esnáfranse desde o último chanzo e caen dando volta coma monos que son. Ás catro e cinco da tarde o mellor é durmir a sesta, home.

No hay comentarios:

Publicar un comentario