domingo, 10 de agosto de 2014

ENTULLOS SOBRE CASCALLOS


              É moi raro que consiga ver unhas noticias na televisión, tanto no momento de xantar como no momento da cea, debido a que os rapaces son os que realmente se apoderan das canles televisivas. E como rapaces que son, non lles interesa para nada o que acontece no mundo mundial, fóra dos deportes ou de series que se repiten unha e outra vez. Non obstante, o pasado venres, e penso que non despiste deles, tiven oportunidade de ver algo nun telexornal. Axiña cheguei á conclusión de que fora mellor que os rapaces visen as cousas deles. Porque a imaxe televisiva amosábame uns novos bombardeos do exército israelí sobre Gaza. E vendo as imaxes eu preguntábame: pero que están a bombardear? Xa non hai nada que bombardear. Entullos sobre cascallos. Xa o exterminio pódese dicir que é absoluto. Exterminio sobre xente civil e, sobre todo, sobre nenos. Mellor fora que os rapaces non tiveran ese despiste.
              Non chegando con iso, outro can na merenda! Resulta que o gran país ianqui volve a Iraq para matar de novo. Máis mortes civís. Máis nenos sacrificados. Morren os inocentes. Viven os das poltronas. Seica é para protexer intereses norteamericanos ameazados polos yihadistas. Alá non hai nenos americanos, e entón dá igual. Ademais, que carallo, os de alá serían futuros yihadistas.


              Finca Fierro. Sábado, 9 de agosto de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario