domingo, 24 de agosto de 2014

DÚAS ALEMÁS, DISTINTAS FACTURAS



              Hai uns días unha peregrina alemá perdeuse por Fisterra cando estaba realizando o Camiño de Santiago entre esa localidade e Muxía, e a Xunta, como non, montou un dispositivo de busca que acabou na factura final: 4.600 euros que lle quere cobrar á desorientada rapaza. Hai uns días anunciouse que a que leva os pantalóns en Europa, ou sexa, a tamén alemá Angela Merkel realizaría un cacho do peregrino Camiño. Ná!, tan só uns seis quilómetros. Pero seguro que eses seis quilómetros sairán por un ollo da cara (perdón, polos dous) que non llos cobrarán a Merkel, senón que apandaremos todos coa excelsa comitiva. En principio, cando escribo isto, xa se lle fixo un lavado de cara a eses seis quilómetros e cando isto mesmo pase por diante dos teus ollos, lector, imaxina todo o que se armou onte ante a comitiva da gran xefa aria, do señor presidente de España e do señor presidente deste noso país. Resumindo; que a nosa Xunta sáltalle na aña a unha pobre rapaza que se perdeu porque as sinalizacións da gran ruta peregrina brillan pola súa ausencia e a mesma Xunta sáltanos na aña a nós porque en seis quilómetros de percorrido esculpíronse, quedaron marcadas as impoñentes, marabillosas, xermánicas pisadas da señora Merkel e dos adláteres que a acompañaban.Dúas alemás, distintas facturas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario