Tantas voltas. Tantas
reviravoltas. Tantas viaxes. Tantos bulebules. Como botaba todo iso de menos!
Queixábame das présas e dos aparcamentos, pero eu ben sei que cando me ferve o
sangue é cando máis espelido ando. E por fin volve toda esa ladaíña de voltas e
viaxes e présas e cabreos e angustias! Por fin un dos rapaces empezou xa cos
adestramentos de baloncesto. Ale, a compaxinar horarios e a alterárseme o
sangue. Non obstante, o mellor chega cando xa se pon a adestrar durante a hora ou
as dúas horas correspondentes. Porque é a partir de aí cando quedo calmo e fago
as dúas cousas que quizais máis me gustan hoxe: ler e escribir. Coma hoxe que,
aínda non lendo os xornais, metinme nunha cafetaría do Campus Universitario
para ler os dous que adoito ler sempre e, ó rematar, fixen o que estou
facendo... “escribe, compañeiro, que xa non tiñas ningún relatiño na reserva”. Escribo
mentres Xoel adestra. Penso na barafunda de cando adestre Alán; amigo, corre de
aquí; amigo, vai para alá. Amigo, escribe. Deixo de escribir. Paso a ler.
Cafetaría Perla 6 de Ourense.
Martes, 12 de agosto de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario