sábado, 2 de agosto de 2014

ASUMINDO A GRAVIDADE DAS NOTICIAS


              Procuro e adoito ler tres periódicos cada día. E se en cada un deles asoman máis dun cento de noticias, imaxinade as que aparecerán nos tres durante toda unha semana. Pois ben, ás veces hai semanas nas que realmente non sei sobre qué escribir para este hebdomadario, que máis ou menos o teño para novas reais, aínda que algunha que outra vez tivese que meter algún relato “inventado” ou biográfico. É que hai noticias, que aínda sendo fortes, xa non chaman a atención, polo detalle ese de que, pouco a pouco, imos asumindo a gravidade da nova que nos están contando. Podo poñer o exemplo das corrupcións políticas ou, agora mesmo, da guerra de Gaza. As corrupcións políticas están tan á orde do día e acontecen en practicamente todos os concellos españois, que si se nos faría raro atopar hoxe un político legal. Vale, esaxero, pero entenderedes que ante as novas que asoman todos os días nos medios de comunicación, é normal que se desconfíe incluso de calquera politiquiño. E sobre a guerra de Gaza, a verdade é que é triste todo o que está acontecendo neses lugares, e máis triste aínda ver cómo a comunidade internacional mira para outro lado. Mais non tivo reparos en castigar a Putin, a Rusia polo que acontece en Ucraína. Será que o país ianqui é o neno bonito do mundo mundial?


              Finca Fierro. Sábado, 2 de agosto de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario