sábado, 24 de octubre de 2015

A ALEGRÍA DO ALZHEIMER


O alzheimer é un tema escabroso. E se aínda por encima digo que é unha alegría, algúns ata me poden saltar á xugular. Imaxino que o sufrimento será segundo a evolución da enfermidade. O sufrimento dos familiares. Porque o enfermo penso que non sofre. Simplemente vai perdendo os recordos. O que pasa é que nós sempre nos pomos na situación de “pobriño, xa non se acorda de certas cousas ou de nada”. Iso non é sufrir; para o enfermo xa non existen. O enfermo de alzheimer vive ó día. Se non se acorda dos fillos é porque, para el, xa non existen tales fillos; simplemente unha persoa que lle está facendo cousas, e punto. Quen realmente sofre é o familiar, o que o coida. Ou non. É certo que un enfermo de alzheimer ata moito. Pero, polo demais… nunca me rira tanto co meu pai. Nin el nunca se rira tanto; principalmente cando o deitaba, que era cando máis o tiña que axudar e tiña que distraelo como puidese. Ás veces custaba botarlle unha man porque os dous escachabamos coa risa. Ó enfermo de alzheimer compároo cos fillos: que causan dores de cabeza, pero por un sorriso seu… O pai ataba, pero aquelas gargalladas da noite. E importáballe un carallo quen fose eu. El vivía aquel momento. Ó non ter recordos, para el xa non existía nada do pasado. Unha persoa sofre moralmente cando lembra algo malo. El non lembraba xa nada e vivía a súa vida, a daquel instante; na que lle doería un oído, o un golpiño, ou unha picada, como a calquera mortal; pero tamén na que se ría, e cantaba, e falaba só e te quería aínda que, para el, xa non foses fillo, simplemente alguén que o coidaba. Non me houbese importado telo así sempre; nunca o vira tan feliz, con tanta alegría!

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 23 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario