miércoles, 14 de octubre de 2015

A INERCIA DUNHA PARVADA



 
               Calma no ruído. Silencio no ruído. Mente en branco. Seguro? Estará algunha vez a mente en branco? Ata cando nos atopamos durmidos debe traballar a mente. Non sei. Un, ás veces, non se decata de nada; nin do ruído, nin do silencio. Raios de sol nunha treboada? Ó mellor si ou ó mellor non. A ver se alguén os confunde cos lóstregos. Os lóstregos tamén brillan. Os lóstregos fan ruído? Os tronos si fan ruído. Calma no ruído. Logo da tempestade chega a calma. Depende. Ás veces asoma outra treboada aínda máis grande, máis negra, máis ruidosa, máis escura. Silencio no ruído. Éche ben raro isto. Un si pode quedar en silencio. Pero isto xa é outra cousa. Silencio por amargura. Silencio por tristeza. Silencio por sufrimento. Silencio porque se vive no silencio. Silencio porque non hai ruído. Pero non quedamos en que había silencio no ruído? Ai como baila a inercia dunha parvada! Aínda que de cando en vez é bo dicir parvadas. Para que vexan que non somos inmaculados, impolutos, que o erro humano tamén ten os regos torcidos ou os valados altos ou os camiños atrancados. Deus, canto ruído hai neste silencio!

               Café Paladium da Valenzá. Martes, 13 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario