miércoles, 7 de octubre de 2015

O MONO QUE ESBIRRA


              Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. O outro día souben unha cousa máis, unha cousa que me causou graza. Resulta que hai uns días descubriron no Himalaia oriental a un mono que esbirra porque ten o nariz ó revés, é dicir, os orificios nasais mirando para arriba. Entón, claro, cando chove a auga méteselle polos orificios e… alá vai!, esbirro vai e esbirro vén. Pobriño mono, imaxínoo nos días de chuvia mirando continuamente para o chan, coma se fora un cristián logo de pasar a procesión coa virxe dos Milagres. Menos mal que o mono vive no Himalaia. Imaxinade que o simio vivise en Galicia, onde tanto chove. O pobre tería concerto de esbirros moi a miúdo, demasiado a miúdo. Polo menos no inverno.
              A maiores do mono, e durante os últimos anos, tamén seica se descubriron unhas 200 especies de animais nesa mesma zona. O que demostra que por moito que digamos qué pequeno é o mundo!, aínda hai zonas ou lugares dos que non sabemos nada de nada. Non todo se atopa no monte Medo o no de Pinouzos. Hai vida máis alá do Outeiro do Corno e do Outeiro de Brandín.

              Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

              Mércores, 7 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario