jueves, 8 de octubre de 2015

LENDO, CLARO




               Pésanme as pálpebras. Estou canso. Hoxe non puiden dar as típicas cabezadas da sesta e nótoo. Tiven que ir a un enterro en Baños de Molgas. Mágoa. Xa lle dei toda a volta ó recinto novo do Campus Universitario. Lendo, claro. E menos mal, pois se tivera que ler sentado, seguro que non o conseguiría, que me durmiría. É a gran vantaxe que teño: a de ler andando. Canso un pouco dos pés pero non me durmo. Aínda queda máis dunha hora para que Xoel remate co adestramento de baloncesto. O que significa que teño tempo para darlle outra volta ó Campus Universitario. Lendo, claro. Que aburrido sería pasear e non aproveitar o tempo! Se non chegara a ter os libros comigo, usaría o MP3. Este tamén anda sempre comigo. Para escoitar música. Só música. As noticias chégame con lelas nos xornais e escoitar pola radio do coche as das sete e media da mañá camiño do traballo. Despois, xa todo se volve música e lectura. A música amansa ás feras. A lectura... a lectura é algo máis que un sentimento, é o non vai máis de querer saber e, por suposto, de querer soñar co que se le. Seguen pesando as pálpebras. Así é que... outra voltiña. Lendo, claro.

               Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
               Mércores, 7 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario