viernes, 23 de octubre de 2015

FORMAS DE DESAFOGAR



 
               A bailadora Sara Baras pregúntase moitas veces cómo se desafoga a xente cando non baila. Ui se eu lle contara! Moitos fano con alcohol. Pero xa se sabe que as penas saben nadar. Eu adoito facelo escribindo. Non obstante, onde máis e mellor me desafoguei foi no monte. Lembro aquelas tardes nas que tiña que estudar e cando non me saía un cadro de Velázquez ou uns versos de calquera poeta, zas, hostia que te criou! Ás xestas, ás silvas, ós codesos, ás carqueixas, ás herbas altas. O desafogo era tal que, algunhas veces, ata a vara non aguantaba. Entre golpe e golpe acababa escachando. Hai tantas formas de desafogar! Todas as noitiñas ó entrar en Baños de Molgas, procedente dos montes de Pinouzos ou do Medo, facíao “a grito pelao” coas cancións de Camilo Sesto ou Víctor Manuel. Sempre me gustou irme moi tarde coas vacas para a casa, quizais por presumir un chisco, pero... Pero había que vencer ó medo: canción vai e canción vén, berros cara ó ceo e golpes ás silveiras dos valados. Emporiso, o que sempre se adoita usar máis para desafogar son as blasfemias. Algún cuspimos a rabia, a impotencia, o cabreo, a mala uva a través dos xuramentos, antigamente, pecados. Si, bailando tamén é unha boa forma de desafogar, pero zouparlle ás xestas e cagándose en... queda un coma Deus.

               Café Paladium da Valenzá. Xoves, 22 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario