Por fin parece que rematou o caso de Asunta Basterra. Tan só
oín na radio o seu nome e algo de acusados. Suficiente para cambiar de dial na
radio e poñer música ó momento. Nin tan sequera me importa a condena, se é que
houbo algunha. Os medios, ás veces, tamén deixan moito que dicir: montan todo
un barullo, todo un estrondo sobre ese asunto e non porfían sobre outros máis
perigosos, máis espantosos e máis urxentes. Por exemplo: segue o tema dos
refuxiados, que son refuxiados por culpa nosa. Segue o tema das pateras, que tamén é culpa nosa. Segue a
corrupción na política española e na política catalá. Somos culpables porque os
votamos e os seguiremos votando. Somos culpables porque lanzamos bombas sobre
Siria e en calquera recanto onde notemos que se nos poden torcer os regos.
Somos culpables porque arrasamos por onde pasamos. E agora amólanos unha barbaridade
que crucen o charco catro mortos de fame que nos queren quitar o sustento. Pois
xa veredes agora cando China se multiplique, agora que xa están autorizados a
ter dous fillos por matrimonio. Menos mal que sempre nos quedará o porco, ó que
se lle aproveita toda a carniña habida e por haber, e por moito que diga OMS
que é malo para a nosa saúde. Pobriños, mal saben eles que dos seus informes
facemos uns roxóns para chupar os dedos ou unhas lasquiñas de xamón que saben a
gloria bendita. Toda a miña vida comendo pan e touciño, pan e touciño e véñenme
agora con caralladas da saúde. Infelices! Inocentes!
Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
Venres, 30 de outubro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario