miércoles, 28 de octubre de 2015

QUERE ARDER TROIA


              Quere arder Troia, pero non arde. Axiña aparece alguén para apagar o lume. Ás veces nin tan sequera deixan ver o fume. Non vai ser que cegue a algúns. Quere arder Troia, pero non arde. Non a deixan arder. Calquera a deixa! Quere arder Troia, pero non arde. Non obstante, chove sobre mollado. E iso sabémolo todos. Emporiso, xa secará. Se non é nun día é nunha semana ou en dous meses. Xa veredes como seca. Sempre escampa, home, sempre escampa.
              Mira que che dixen: non metas a man no lume!, non metas a man no lume! E metíchela! Agora teño que apagar eu os teus fogos, as túas sedes. Menos mal que teño unha mangueira ben longa, que todo o abarca, que todo o apaga. Quere arder Troia. Chove sobre mollado. Logo da treboada chega a calma. O río volverá á súa canle. Os pensamentos impuros bórranse cun perdón. Os danos colaterais xustifícanse cunha mexericada. Sempre hai unha puntada para un descosido. Un favor para unha falcatruada. Unha realidade que non queremos ver. Que non queren que vexamos. Para que están os bombeiros: apagade ese lume, oh, a ver se se vai queimar alguén. Quere arder Troia, pero non arde. Que vai arder!

              Café Paseo d´ Ramoleox da Valenzá.

Mércores, 28 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario