jueves, 8 de octubre de 2015

CONTEMPLO A VIDA PASAR


              Contemplo a vida pasar. Pero non pasa. Non pasa ninguén! Estou só na terraza. E non pasa ninguén pola beirarrúa. A vida é movemento. Non se move nada! A vida e un latexo. Non latexa nada! Ata o meu corazón creo que non latexa. Arre demo, nin as pombas andan hoxe por aquí. Claro!, acabo de me dar conta de que á terraza puxéronlle uns biombos e teñen pouco sitio para entrar. Pobriñas! Agora mesmo, se houbera pombas, botáballes unhas migalliñas da bica que estou comendo. Sempre fago o mesmo: cando as vexo bótolle un chisquiño e incluso escorrego ben o prato co dedo para que non lles quede ningunha migalliña sen aproveitar. A ver!, unha pomba sempre é unha pomba. A pomba tamén ten vida. Pero hoxe, aquí, non hai pombas. Non hai vida porque non hai xente. Non hai vida porque non hai pombas. Hoxe nin tan sequera a vida é un suspiro. Contemplo a vida pasar. Pero non pasa. É triste analizar o baleiro dunha vida. De que vida? Daquela vida! Alá vén! Alá vén moi devagariño unha pomba branca. Por fin unha vida inmaculada! Collo o prato, escórroo e as migallas caen ó chan. Pouco a pouco a pomba achégase. Ata o meu corazón xa latexa. Agora si contemplo a vida pasar.


              Café Paladium da Valenzá. Xoves, 8 de outubro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario