viernes, 5 de agosto de 2016

Á ESPERA DA INAUGURACIÓN


            Á espera da inauguración dos Xogos Olímpicos de Brasil. O que espera desespera. Hoxe non desespero. Sempre hai algo para facer... lanzar as campás ó voo, por exemplo. Ou asubiar por entre as carqueixas do monte Medo. Tamén podo contemplar a lúa e pensar que me sorrí e me chisca o ollo esquerdo. Ou bambear a cabeza ó ritmo do jazz de Dexter Gordon.
Podo apoiar as mans nas cadeiras e estar a velas vir. Podo fochicar no fiesbuq ou asentar a man na cabeza para pensar na seguinte frase. Vexo como unha bolboreta pousa sobre o canto dunha páxina de “Follas Novas”, da nosa Rosalía. Penso no San Salvador de Baños de Molgas, que é mañá e na asistencia á procesión. E se hai sorte ata o levarei pola rúa da Igrexa abaixo ou pola do Agro arriba. Agora é o pé dereito o que golpea o chan influenciado pola batería do mesmo álbum de jazz de Dexter Gordon. Fago unha pausa para erguer da mesa e beber un bo grolo de auga fresca. A calor aperta; a pesar das once menos vinte da noite. Penso na acrobacia dun sono ou no salto de lonxitude dunha apóutega. Quedan máis de dúas horas para a inauguración. Moita espera de cristo. Pero está á miña beira o libro “A noite da Usina”, de Eduardo Sacheri, e cando empece a desesperar, tocará ler paseando pola cociña. E cando canse de ler, a escangallarme no sofá para contemplar unhas novas Olimpíadas.


            Finca Fierro. Venres, 5 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario