sábado, 20 de agosto de 2016

O MAZADOIRO DA BURGA


            Son de guitarra entre as catro paredes dun escondedoiro para que a alforxa dos soños acougue no silencio da noite. Non sei quen lle cantará alalás as memorias compartidas de catro amizades que non morrerán nunca; quizais o cantante aquel que versifica ou quizais o poeta aquel que chía. As amizades troulean por entre os canastros da infancia e bulen, corren, rebolan polas rúas do casco vello da vila. En cada escaleira, en cada porta, en cada casa de Baños de Molgas hai un soño que navega, que circula na distancia para acompañar a nostalxia de toda unha vida. Tempos aqueles nos que os saúdos chegaban cun simple ollar e un movemento de man; ou de cabeza. Tempos aqueles nos que o tempo se detiña tan axiña como pousabas o cu no mazadoiro da burga.
As parolas, as latricadas, as farfalladas ían máis alá do asunto esencial: iniciabas un camiño e para chegar á meta dabas voltas por todas as etapas da inocencia. Logo, cando caías na realidade do tempo, botabas as mans á cabeza e angustiábaste ante a regueifa que sabías que te estaba esperando na casa. A cousa ata podía ir moito máis alá dunha simple rifa; ás veces voaban as labazadas pola tardanza. Pero non aprendiamos, ó día seguinte volvían as carreiras, os xogos polas rúas de Baños de Molgas. O acougo, o descanso estaba sempre no mazadoiro da burga.


            Finca Fierro. Sábado, 20 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario