Unha vez
máis é o feisbuq o que me pon en contacto cun... personaxe? curioso e
auténtico. O feisbuq e a veciñanza, claro. Un día vin nesa rede social a foto
dun libro que estaba a piques de presentarse no centro social O Cruceiro de
Ponte Ambía. Arre demo, nunha aldea do meu Baños de Molgas! Quen presenta aí?
Quen é? E aí empezou todo. O libriño, se non recordo mal, titúlase “Petróglifos
inéditos das comarcas de Ourense e Allariz-Maceda”. O seu autor é un tal José
Antonio Gavilanes Blanco. Si, os Gavilanes sei que tamén son de (ou polo menos
andan) por esa zona, coma os Rivas. Así é que non houbo outra que lanzarlle a
correspondente solicitude de amizade por medio do feisbuq. Aceptada esta, axiña
me mandou unhas fotos duns petróglifos que estaban nese libro. Os máis antigos
serán petróglifos, pero o escudo do Real Madrid serao cando o mundo deixe de
ser mundo, máis ou menos. José Antonio mandoume o escudo porque el ben sabía
que eu era o que o esculpira nun penedo de Barricobos. Seica o puxo no libro
(tamén me amosou algún máis doutros equipos) para explicarlle ós paisanos cómo
se iniciaría un petróglifo auténtico. É un dicir.
Sempre
se dixo que as desgrazas nunca veñen soas. Pero ás veces ás amizades ou
alegrías pásalles o mesmo. Porque 49 anos (a ideade del) sen saber nada del, en
poucos días coincidimos no feisbuq e nun pavillón deportivo (á presentación do
seu libro, o 29 de agosto, non puidera asistir). Resulta que un día un dos seus
fillos ía enfrontarse a un dos meus, Alán, no pavillón Pompeo, do instituto
Otero Pedrayo. Falamos e xa entre uns partidos e outros, e máis o feisbuq, pois
o normal: que a amizade, a comunicación foise e vaise agrandando. Ata o punto
de lle facer esta reportaxe. Pero si, é verdade, non lla fago porque sexa un
simple coñecido ou xa un amigo nin porque sexa de Ponte Ambía, senón porque a
súa afección non é peixe podre, non é un pasatempo calquera nun país onde só
adoita haber afeccionados ó fútbol, e punto.
Pero
José Antonio Gavilanes tampouco é un afeccionado calquera nisto dos
petróglifos, polo menos segundo as palabras de Ambrosio Borrajo (o mestre que
xa tivo o seu protagonismo noutra reportaxe miña e ó que tamén lle gusta o
estudo dos petróglifos), pois case se pode dicir que os cheira desde a distancia
e que ve liñas sobre as rochas ou pedras sobre as silveiras ou matogueiras que
ninguén ve. Cando atopa as rochas e as liñas xa se converte nun can de presa,
que non as solta nin a sol nin a sombra.
José
Antonio Gavilanes Blanco é o seu nome oficial, pero nas aldeas sempre hai un
extraoficial. O seu é “o fillo do Piepito”. Naceu un 9 de abril e aínda que os
seus estudos non foron pola rama da arqueoloxía, hoxe é un dos máis e mellores
coñecidos catalogadores do Patrimonio Galego. Di que herdou dos seus devanceiros
o respecto e a curiosidade polo patrimonio que hai por toda Galicia, en xeral,
e pola nosa comarca, en particular. E hai moito.
A pesar
de non ser un profesional da arqueoloxía, el, sempre que pode dispoñer dalgún
momentiño, sobre todo cando visita a aldea (vive en Ourense desde hai xa varios
anos), intenta dar un dos seus habituais paseos recompilando todo aquilo que
lle parece digno de mención, principalmente petróglifos e muíños. Normal, é
familiar e fillo de muiñeiro desde que o mundo é mundo.
José
Antonio é colaborador habitual da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e leva
publicados diversos artigos sobre petróglifos inéditos na revista “Caderno de
Campo”. Tamén é autor do traballo “As herdanzas do tempo: Guía de petróglifos
inéditos en Xunqueira de Espadanedo e Esgos”, que saíu á luz no 2013.
O fillo
do Piepito colle a súa cámara, patea os monte, atopa os penedos, enche as súas
fichiñas con notas e, logo, descubrimos todo un mundo antecesor, devanceiro por
medio dunhas simples liñas ou debuxos que, como se verá, non son ningunhas
liñas e debuxos calquera. Son os mapas ou toda unha estampa da nosa vida
pasada. Tanto as pedras como o fillo do Piepito son, hoxe en día, os espellos
do noso patrimonio, que como se dixo, é moi rico. Só hai que descubrilo. José
Antonio Gavilanes anda niso.
Café
Oren Express da Valenzá. Domingo, 26 de xuño de 2016
Publicado en La
Región o venres, 22-07-2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario