lunes, 8 de agosto de 2016

HAI QUE MATAR O TEMPO


            Hai que matar o tempo. O atmosférico. E o de duración. Sobre o tempo atmosférico, semella que quere arder o mundo. Polo de sempre; pola calor e polos incendios. Sobre o tempo de duración, semella que non pasa nunca. Algunhas veces. Outras veces é un suspiro ou un latexo. Hai que matar o tempo. Como sexa. O atmosférico... a verdade é que é complicado, moi complicado, pois vai unha calor do carallo. Aínda que seica vai cambiar algo. Si, claro; pero ata que cambia. Ata que cambia, boqueas coma un peixe fóra da auga. E nós non temos que saír da auga, chega con asomar a cabeza á rúa. Notas “esa cousa quente” que se che mete na pel e nas entrañas, que non queda outra que boquexar e soltar, por suposto, o típico xuramento.
A verdade é que hoxe en día o tempo atmosférico merece máis dunha blasfemia. O tempo como duración... uff, tamén é complicado analizalo: que se me aburro, que se non dou feito, que cando será iso, que cando aconteceu aquilo. O aburrimento quizais sexa o peor inimigo ou virus que ten o tempo. De aí que o queiramos matar: por aburrido e porque non corre. O suspiro quizais sexa o ritmo musical do tempo, porque a música é como aboiar coa mente en branco, sen te decatar do tempo, sen tempo.


            Finca Fierro. Luns, 8 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario