domingo, 28 de agosto de 2016

UNHA BULEBULE DO TEMPO


            Nin guerras. Nin terremotos. Nin deportes. Nin corrupción. Nin política. Nin eleccións. Hoxe o escrito, o recuncho é familiar. Porque, por unhas ou por outras cousas, por uns ou por outros acontecementos, asomaron nos meus escritos as miñas sobriñas. Falta unha; a que, de nena, era a máis carota e, agora, de moza, é a máis responsable. A Noa. Acaba de atarse a un bo rapaz. Sei que será para ben. Ultimamente, cada vez que penso na Noa, penso na súa nai. Porque... sabedes aquilo de que sempre dicimos que os fillos son igualiños o pai ou a nai? Pois Noa é igualiña, cuspidiña (nos feitos) á súa nai. Segundo esta estaba en todo; Noa está en todo e con todos. É unha bulebule do tempo! Porque dispón de tempo para todo e para todos. Sempre pendente do pai, da irmá, dos seus, da miña muller. Claro que xa de pequena era unha saltimbanqui de moitos quilates. É que a coñezo ben. Case podo dicir que a criei; a ela e á súa irmá. Cando alguén me preguntaba a diferenza entre as dúas, eu sempre puña e poño o exemplo dunha cola no cine. Iria, como unha coitadiña, facía cola; mentres que Noa, como puidese (e por arte de encantamento case sempre podía) colábase e aparecía coas entradas nun chiscar de ollo. Que era unha boa peza, a condenada.
            A vida, dígoo eu sempre, é unha bágoa e dous sorrisos. A bágoa pasou hai cinco meses. Polo que agora tocan eses sorrisos. O primeiro tamén acaba de asomar ós seus beizos diante dun rapaz que a quere e diante dunha familia inmensa que tamén devece por ela. O segundo sorriso non pode ser outro que algún carrouchiño que apareza na súa vida, nas nosas vidas pasado o tempo. Porque seguro que chegará.
            Neniña, quixen escapar do sentimentalismo porque, agora, de vello, axiña se me empanan os ollos. Así é que confórmate co que hai, con isto. Ti sabes ben, os teus saben ben o que sinto por ti, por vós. Mamei do voso cariño, do da túa nai, e iso penetra, enche, que carallo, emociona. Biquiños.


            Café Brétema da Valenzá. Venres, 26 de agosto de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario